A Feira de Paderne nace no ano 2000 coa intención de darlle un impulso a economía do Concello, por un lado, dando a coñecer as empresas e as posibilidades de negocio existentes no municipio, e por outro lado, turísticamente, presentándose como unha opción ante os numerosos visitantes que acoden a Feira.
A feira celébrase no campo do Telleiro, nun terreo acondicionado por primeira vez para a primeira edición, moi preto da casa Consistorial, campo, que pouco a pouco foi quedando pequeno polo que a feira se foi ampliando a terreos colindantes ou instalacións próximas chegando a ocupar a superficie actual duns 25.000 m2
Trátase dunha feira multisectorial de carácter comarcal que reúne a representantes das áreas económicas sociais con maior empuxe e dinamismo da zona, divididos nas seccións de alimentación, comercial, artesanía, flor, gandería, horta, forestal e ornamental e maquinaria. Neste punto, cabe apuntar o aumento no número de expositores edición tras edición, xa que, considerando en todo caso a preferencia das empresas locais, a variedade de expositores foise ampliando a empresas doutras localidades que ven na feira unha oportunidade de dar a coñecer a súa actividade en toda a comarca.
A feira de Paderne conta, o longo dos dous días que dura o evento, cun amplo programa de actividades que fan atractiva a súa asistencia e estancia na mesma. Neste sentido, podemos atopar, obradoiros de coiro, cestería, encaixe de bolillos, mel, e alfareria, demostracións de expositores, demostración de maquinaria forestal, cortacéspedes, exhibición de talla de pezas de madeira con motoserra...., así como espectáculos de zancudos, malabares, mimos, actuacións musicais e teatrais e concurso de regalos durante o transcurso das dúas xornadas en que se celebra a Feira.
Un dos atractivos que esperta gran curiosidade entre os asistentes, e que establece cada ano no programa de actividades, é a presencia de animais, por un lado na exhibición hípica que ten lugar na xornada do domingo pola tarde, e por outro no concurso de cans na xornada do sábado.
Mención aparte merece tamén a degustación. Neste sentido, os asistentes a feira poden degustar, o remate das dúas xornadas da feira, de productos da nosa terra como son a empanada, queixo, viño, bola de doce, augardente na xornada do sábado e de tenreira de Paderne na do domingo.
Todo esto propicia que, a Feira de Paderne se consolide, edición tras edición, como motor económico do municipio, converténdose nunha cita obrigada para profesionais e comerciantes da comarca das Mariñas, o que provocou que nalgún momento xa se chegara a denominar como "unha pequena Silleda" na comarca de Betanzos.